Wednesday 24 de April de 2024

Arrancan as obras de saneamento na rúa O Recreo


O Concello investirá preto de 43.000 euros para instalar novas canalizacións

O Concello de Ordes acaba de iniciar as obras de reparación da rede de saneamento na rúa O Recreo, por un importe que se aproxima aos 43.000 euros. Unha intervención que se executará sobre o sistema existente de titularidade municipal en dous tramos de aproximadamente 50 metros cada un. O primeiro deles, sobre o que xa se está traballando, sitúase nas inmediacións da confluencia coa rúa Víctor González Faya, mentres que a segunda está fronte o bar A Ponte.
Concretamente procederase coas canalizacións de saneamento, abastecemento e pluviais. No proxecto contémplase a reparación con fibra de vidro da canalización de saneamento actual dados os problemas de filtracións que presenta, así como a reapertura de acometidas tras a limpeza previa do colector. Tamén está prevista a canalización de preto de 100 metros de tubaxe de PVC cos seus correspondentes pozos de rexistro.
Unha medida que suporá un aforro para as arcas municipais grazas á redución do custo medioambiental derivado do non tratamento de augas, no caso de fecais e pluviais, e da necesidade de actuacións auxiliares particularizadas para o garante do abastecemento de auga potable.